martes, 30 de septiembre de 2008

Entrevista a Juan Carlos Ulla, cociñeiro do centro

Juan Carlos Ulla é o cociñeiro da nosa escola. Ó longo do curso pasado colaborou activamente coa Anpa poñendo á nosa disposición os menús semanais para publicalos no blog, enviándonos información sobre os pratos dos menús, organizando desinteresadamente obradoiros de cociña dirixidos tanto a nais e pais como aos cativos e, en definitiva, poñéndose sempre á nosa disposición para calquera cuestión na que nos puidese axudar.


Queremos dende aquí facer público o noso agradecemento por todo esto e esperamos seguir contando coa súa colaboración durante este novo curso.
Para que coñezades mellor a Juan Carlos, a persoa que diariamente prepara a comida que toman os vosos fillos/as, fixémoslle unha entrevista e estas son as súas interesantes respostas:
- ¿Canto tempo levas traballando na Escola Infantil de Vite?
En setembro fixo dous anos
- ¿E gústache o teu traballo de cociñeiro?
Moito, pero mais cociñar que facer de comer
- ¿Sempre traballaches de cociñeiro en escolas infantís? Fálanos un pouco da túa traxectoria profesional

Empecei no Restaurante Vilas de Santiago, (deso xa fai 37 anos), estiven uns anos na Rede de Paradores do Estado e alí fixen a Escola de Cociña. No ano 73 concedéronme o Primer Premio de Receitas de España. Naveguei uns anos como cociñeiro en barcos ingleses e no ano 81 empecei a traballar para o entonces INSERSO. No 82 gano por oposición a praza de Xefe de Cociña da Residencia Asistida de Oleiros e a de Primeiro Cociñeiro da Residencia das Rodas de Santiago en onde estiven 24 anos, ata que fun trasladado a Vite, tres dos últimos estiven nela de Xefe de Cociña. Nestes 24 anos collín unha corta excedencia para poder impartir un curso de cociña do INEN o ter aprobado as súas probas do Ficheiro de Expertos.
- Ademais de cociñar, ¿cales son as túas tarefas como cociñeiro da escola?

Control da despensa diaria, facer pedidos , control diario de temperaturas tanto do que se cociña como de neveira e conxelador, control da trazabilidade dos alimentos, elaboración de menús e supervisión da cociña.
- ¿Varía moito a forma de traballar dependendo de se os menús son para nenos ou para adultos?

A verdade non moito, salvando o propio duns comensais de 0 a tres anos: introdución pautada de novos alimentos, a ausencia de espiñas e osos pola súa seguridade e que todo, ou case todo, vai servido moi picadiño e os postres que en certa lóxica son mais limitados que nos adultos.
- ¿Cociñas menús para nenos con alerxias ou intolerancias?

O curso pasado tan so para dous celíacos, e catro ou cinco prohibicións puntuais. No meu destino anterior si tiña que cociñar un prolixo número de dietas, intolerancias e prohibicións propias da idade dos comensais.
- Sabemos que es celíaco ¿é difícil ser cociñeiro e celíaco?
Debería selo, incluso sería unha boa razón para non selo, por aquilo de ter que probar o que fas, e hai mas glúten do que se ve que está alí, pero iso de ser celíaco dende fai 57 anos faite estar mais concienciado con esta e outras limitacións alimentarias.
- Pola túa experiencia, ¿cales son os pratos que mais lles gustan aos nenos?

Polo xeral todo o que lles resulte mais cómodo: a pasta, sobre todo con tomate, as distintas cremas de verduras, as sopas, eso si, de pasta e os distintos fritos: as patacas, o peixe empanado, en tempura, orlí, etc. A pera, cando está no seu punto xunto co iogur son os seus postres preferidos.
- ¿Paréceche importante facer actividades cos nenos na cociña?

Mais que na cociña, de cociña. A min paréceme moi importante que os nenos teñan actividades de cociña e que coñezan o maior número de alimentos e que participen no seu proceso de elaboración. Non se pode apreciar nada que se descoñece e a comida e o acto de comer, forma parte indiscutible da súa socialización.
- ¿Qué opinas sobre a implicación das educadoras nestas tarefas?

Toda a comunidade, deberiase implicar e colaborar nun proxecto educativo
- Sabemos que es unha persoa moi activa, que sempre estás facendo cousas, cóntanos algo sobre as actividades que desenvolves fora da escola.
Estou facendo IV Ciclo universitario na USC dende fai tres anos. Ademais dirixo en Boiro a única Escola Municipal de Consumo que temos. Colaboro puntualmente (dende fai moitos anos) con algúns medios de comunicación en temas de consumo (fun Presidente do Consello Galego de Consumo e fundador da Asociación de Consumidores Galegos), participo en dous programas de radio na semana e escribo de vez en cando.
De cando en vez tamén imparto charlas, cursos de cociña ou de igualdade e teño feito demostracións de cociña para unha importantísima cadea de supermercados no lanzamento de novas sedes ou en Semana Verde.
- Para rematar, cóntanos cal é a túa especialidade.

Non sabería dicilo con total seguridade, creo que dánseme ven os currys indios, os potaxes e as salsas. Disfruto como dicía o meu mestre Benavides, facendo “si sales” que son pratiños ou postres, xurdidos da inspiración dun sobrante ou da escasede mais inmediata.

MOITAS GRAZAS POR TODO, JUAN CARLOS!

Obradoiro de masaxe infantil

Como algúns xa sabedes, o curso pasado desenvolveuse na escola infantil de Vite un obradoiro de psicomotricidade cos nenos de 1-3 anos impartido por Silvia Caneda, da empresa Seiva. Para este curso, Silvia propúxolle á Anpa a organización dun obradoiro de masaxe infantil, coas seguintes características:

1. Obxectivos
- Aprender a dar masaxes ao bebé
- Coñecer os beneficios do tacto en idades temperás
- Crear un espazo de encontro entre pais/nais/bebés e educadores.
- Fomentar a creación de momentos de comunicación íntimos entre pais/nais e fillos/as.
- Fomentar a expresión da afectividade por medio do tacto

2. Destinatarios
O obradoiro vai dirixido a nais e pais que teñen fillos/as con idades comprendida entre os 4 meses e os 3 anos. O obradoiro está especificamente deseñado para dar unha boa atención a sete familias entendendo como familias a nai, o pai, o titor/a (nos casos que proceda) que poden asistir sós ou xuntos e os/as fillas/os correspondentes.

3. Programación
1.A historia da masaxe infantil: principais beneficios.
2. A masaxe afectiva e plancenteira para o bebé: abdomen, tórax e espalda.
3. A masaxe afectiva e placenteira: brazos e pernas.
4. A masaxe terapéutica no bebé. Nocións básicas e achegamento da facioterapia aplicada a bebés.
5. Contido práctico de todas as actividades durante as sesións.

4. Actividades
Cada sesión está dividida en dúas partes:
· Unha parte teórica na que se proporcionará aos pais e nais as nocións básicas necesarias para o desenvolvemento da sesión.
· Unha parte práctica deseñada exclusivamente para o traballo cos bebés (para que os pais e nais poidan poñer en práctica o aprendido baixo a supervisión da profesional) e que terá unha duración mínima de media hora.

5. Recursos materiais
Este obradoiro precisa dun espazo e unhas condicións determinadas:
- Unha sala grande que permita a todos os asistentes ao obradoiro moverse con certa folgura
- As condicións ambientais, posto que se vai traballar cos bebés, deben cumplir un mínimo de temperatura (25ºC).
- Precísase ademais de colchonetas para cada un dos bebés e unha toalla que deberán traer os pais/nais onde se deitará o bebé.
- Aceite de masaxe e recipiente proporcionado por Seiva.

6. Recursos humanos
O desenvolvemento do obradoiro será levado a cabo por unha psicomotricista formada en masaxe infantil pola Asociación Española de Masaje Infantil (AEMI), asociación destinada a promover os beneficios da masaxe infantil. AEMI está integrada dentro da Asociación Internacional de Masaje Infantil (IAIM) con sede en Suecia, da cal forman parte na actualidade uns 30 países do mundo.

7. Temporalización
O obradoiro está deseñado para ser impartido en cinco sesións dunha hora e media de duración cada unha onde serán postas en práctica todas as actividades expostas. Estas sesións deberán ter unha periocidade aproximada dunha sesión por semana.

O obradoiro ten un custo de 50 € por familia, e a directora da escola autorizounos a utilizar a sala de usos múltiples para organizalo. Se estades interesados en participar podedes enviar unha mensaxe á conta da Anpa (anpa.vite@gmail.com) e, se xuntamos un grupo, podemos organizalo.

Podedes consultar o proxecto mais detallado en:

PROXECTO OBRADOIRO MASAXE

domingo, 21 de septiembre de 2008

Menús da escola

O cociñeiro da escola, Juan Carlos, elaborou os menús semanais que preparan cada día na cociña para os nosos fillos/as. Estes menús teñen as seguintes características:
- Hai 5 menús semanais que van rotando, aínda que están suxeitos a cambios puntuais. Neste momento, os menús que se preparan son os da tempada Primaveira-Verán 2008.
- En cada menú, a columna da dereita corresponde aos purés dos mais pequenos, e a columna da esquerda contén as comidas que non se trituran.
- Un menú dunha semana inclúe un guiso, un plato de pasta, un postre caseiro e un postre sorpresa. Normalmente son platos cun certo nivel de elaboración, para deixar que as cousas sinxelas (tortilla, croquetas, salchichas) as poidamos facer na casa. Tódolos platos son caseiros, elaborados na cociña da escola, excepto o iogur.
Na zona esquerda do blog está o acceso a estes 5 menús. Para facilitar a consulta, cada 5 semanas poñeremos unha entrada no blog indicando os menús que corresponden a cada semana. Os menús das próximas semanas son:
- Semana do 22-26 de setembro: Menú 4
- Semana do 29 setembro ao 3 outubro: Menú 5

Normas da escola

A Dirección da escola lémbranos a importancia de cumprir as normas do centro. Poñemos aquí algunhas relativas ao horario, pero podedes consultar o documento completo na seguinte ligazón: Normas 2008-09

HORARIO: 7:30 a 20:00 h

ENTRADA
: Ata as 10:00 pola mañá, e a partir das 15:00 pola tarde. É importante avisar en caso de retraso.

SAÍDA
:
- Os nenos e nenas que non comen no Centro, serán recollidos ás 11.55 , si son do grupos de 0-1 ou 1-2; e ás 12.15,os de 2 anos en diante.
- Os nenos e nenas que comen e se van despois de comer, recolleranse ás 12.40 os de 0-2 anos, e ás 13.10 os maiores de 2 anos
- A partir das 15.00 podense recoller os nenos/as a calquer hora ata as 20.00 que pecha o Centro.

Curso 2008-09

Por fin retomamos as actividades do blog tras o comezo do novo curso 2008-09 o pasado día 3 de setembro. Esperamos contar co voso interese e a vosa colaboración!



Este curso, a distribución do persoal educativo por aula é a seguinte:
0-1 ano:

- Aula de Tula a xirafa: Dulce Morales
- Aula de Rufo o león: María Castro
- Aula de Bembo o elefante: Jose Mato
1-2 anos:
- Aula do galo Kiriko: Elvira Ochaíta
- Aula da vaca Clarita: Estrella Armesto
- Aula do cabalo Galopín: Aurora López
2-3 anos:
- Aula de Paco o rato: Susana Moldes
- Aula de Pati a ratiña: Ana Lourido
- Aula de Popi o rato: Sonia Recouso
Persoal de apoio: Aurora Costa e Cristina Rey