jueves, 28 de febrero de 2008

Anuncio do segundo obradoiro de cociña

Os distintos menús da escola (1º)

Día: 4 de marzo de 2008
Lugar: comedor do persoal
Hora: 5 da tarde
Duración: 1 hora

Obxectivo:
Coñecer os distintos menús que se elaboran a diario.

Programa:
1. Xeneralidades na elaboración dos menús.
2. As distintas dietas e particularidades.
3. 10 menús de 5 días para catro estacións.
4. Primeiros pratos, a súa composición e elaboración.
5. Segundos pratos, a súa composición e elaboración.
6. Os distintos postres: froitas, iogures e pastelería caseira.
Metodoloxía:
17:00 - Recepción no recibidor.
17:05 - Comezo,no comedor do persoal, por parte do cociñeiro: puntos 1, 2 e 3.
17:20 - Exposición dos distintos pratos e os seus comentarios.
18:00 - Remate do obradoiro.
Contémplase a posibilidade de cubrir un cuestionario.

Monitor:
Juan Carlos Ulla, cociñeiro

martes, 26 de febrero de 2008

Menús da escola do 3-Marzo ao 4-Abril

Os menús para as próximas 5 semanas son:

- 3-7 de Marzo: Menú 1

- 10-14 de Marzo: Menú 2

- 17-18 de Marzo: Menú 3

- 24-28 de Marzo: Menú 4

- 31 de Marzo-4 de Abril: Menú 5

sábado, 23 de febrero de 2008

NOVA

O BLOG DA ANPA DA ESCOLA INFANTIL DE VITE XA ESTÁ COLGADO DO PORTAL DE GALESCOLAS

jueves, 21 de febrero de 2008

Reportaxe do primeiro obradoiro de cociña

O martes desta semana, 19 de febreiro, tivemos na escola o primeiro obradoiro de cociña que anunciamos a semana pasada.

Asistiu un grupo reducido de nais e pais, xunto cos seus fillos/as, ademais da directora do centro, Isabel, e o cociñeiro, Juan Carlos. Os asistentes consideramos que o obradoiro foi moi interesante e quedamos moi satisfeitos da nosa participación.




No transcurso do obradoiro visitamos a cociña, a despensa, enterámonos de como se fai o control de alimentos na cociña e, finalmente, tivemos un debate no comedor.

Dende aquí queremos manifestar o noso agradecemento a Isabel e a Juan Carlos polo seu tempo e a súa adicación.

Nota da Dirección

O luns da próxima semana reincorpórase á súa praza a educadora titular do grupo 1-2 anos que ahora está con Mariló. Dada a preocupación das nais e pais polo cambio de educadora, a directora coméntanos que se vai organizar unha reunión das familias coa nova educadora, para que poidades coñecela e comentarlle as vosas inquedanzas.

Novas sobre as clases de inglés

Como puidestes ler na nota que puxemos no blog o xoves 24 de xaneiro sobre a organización do obradoiro de inglés no centro, xa tiñamos elixido unha academia para impartir estas clases e estaba decidida a organización das mesmas en dúas sesións semanais de 30 minutos cada unha, ou tres sesións de 20 minutos.

A Anpa tratou de poñer en marcha este obradoiro no mes de febreiro, para o que tivo que dirixirse á Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, da que depende a Escola Infantil de Vite, a fin de expoñerlle as nosas inquedanzas e solicitar a aprobación para poñer en marcha o obradoiro de inglés. Podedes ver aquí o escrito que presentamos:

En resposta ao escrito, fomos convocados a unha xuntanza con persoal da Secretaría encargado dos temas pedagóxicos. Esta xuntanza tivo lugar o xoves 7 de febreiro en San Caetano.

Dende a Secretaría manifestaron o seu agrado polo interese mostrado polos pais e nais, destacando o importante papel que poden ter as familias cando deciden participar e implicarse na vida dos centros. Pola súa banda, son conscientes das necesidades da Escola Infantil de Vite en canto á realización de actividades no centro, e ven con bos ollos a iniciativa da Anpa, apoiada pola dirección da escola, de poñer en marcha algunha actividade.

Despois de expoñerlles as nosas inquedanzas consideraron que o taller de inglés non era a actividade máis axeitada neste momento e propuxeron elixir outra actividade que cumprise os seguintes requisitos:

- Estar dirixida a todos os nenos e nenas da escola
- Ter un papel fundamental no desenvolvemento do neno
- Ser de interese para as educadoras, de xeito que poidan participar no desenvolvemento da actividade e, ó mesmo tempo, lles sirva como aprendizaxe
- Que puntualmente poidan participar tamén as familias.

Ademais, a actividade será totalmente financiada pola Secretaría.

A actividade elixida foi un obradoiro de psicomotricidade, e decidiuse poñer todos os medios para empezar canto antes. Cando estea mais definida a programación do obradoiro poñeremos toda a información no blog.

Por outra banda, o director da academia Language-Trainer (Christian), púxose á nosa disposición por se, de tódolos xeitos, queremos organizar un grupo de inglés con nenos e nenas da escola, pero impartindo as clases na academia (situada en Casas Novas) e en horario de tarde. Se estades interesados enviade unha mensaxe á conta da Anpa (anpa.vite@gmail.com) e veremos de organizalo.

jueves, 14 de febrero de 2008

Anuncio do primeiro obradoiro de cociña

O primeiro obradoiro de cociña que organiza a Anpa e a Escola Infantil de Vite ten o seguinte programa:

Coñecemento do medio: A COCIÑA

Día: 19 de febreiro de 2008
Lugar: comedor dos nenos
Hora: 5 da tarde
Duración: 1 hora

Obxectivo:
Coñecer onde se recepcionan e se elaboran os alimentos.

Programa:
1. A cociña e as súas partes.
2. A recepción das mercadorías e o seu control.
3. A almacenaxe.
4. A seguridade alimentaria: eixe fundamental. Trazabilidade, mantemento e control.

Metodoloxía:
1. Recepción e avance da actividade: directora.
2. Visita comentada das instalacións: cociña e despensa.
3. Cuestionario anónimo (xa no comedor) sobre o observado.
4. Debate.
5. Remate: directora.

Monitor:
Juan Carlos Ulla, cociñeiro

Estades todos invitados, e podedes asistir cos vosos fillos e fillas.

Obradoiros de cociña

A Anpa e a escola infantil de Vite, co obxectivo de levar a cabo un plan de formación en cociña, van organizar obradoiros abertos dirixidos a pais e nais, nenos e nenas e a todo o persoal do centro.
Podedes leer no seguinte enlace a xustificación dos obradoiros:


Están invitados a participar nestes obradoiros tódalas persoas que queiran e teñan algo que dicir que redunde no obxectivo compartido de prestar un servizo de calidade aos nosos nenos e nenas.

Poderán intervir profesionais, traballadores, membros da Anpa, da Administración, así coma diversas organizacións de menores, educativas, de colectivos coma celíacos, diabéticos, dieta atlántica, etc.

Os obradoiros pretenden ter periodicidade quincenal, e levaranse a cabo o primeiro e terceiro martes de cada mes.

miércoles, 6 de febrero de 2008

A festa de entroido

O pasado venres, 1 de febreiro, tivemos unha divertida festa de entroido na escola. En relación a esa festa, reproducimos aquí unha mensaxe que recibimos na conta da Anpa:

"Dende a comunidade educativa e a dirección da Escola Infantil de Vite queremos agradecer a vosa colaboración e participación no Entroido.
Un saúdo cordial: A directora"

Todos os pequerrechos e os educadores estaban disfrazados e fixeron un desfile para os pais e nais que acudiron á festa.

martes, 5 de febrero de 2008

30 de Xaneiro: Día Mundial da Paz

O pasado mércores 30 de xaneiro celebrouse o Día Mundial da Paz, e a escola infantil de Vite tamén quixo facer a súa particular celebración.

Días antes empezaron a adornar a escola anunciando o Día da Paz:

e encheron as paredes con pombas brancas:


O día 30 saíron todos á porta da escola, con pombas na man ou pegadas nas chaquetas (os máis pequenos), soltaron globos brancos e cantaron unha canción de paz.

E saímos no Correo Gallego! podedes ver aquí o recorte:

El Correo Gallego (31-xaneiro-2008)