miércoles, 21 de mayo de 2008

Procedemento de matrícula para o curso 2008-09

Xa está no portal de Galescolas a información sobre o procedemento de matrícula nas escolas infantís 0-3 dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que resumimos aquí:

Documentación a presentar:
- Impreso de matrícula que se pode obter na escola ou na seguinte ligazón: impreso matrícula
- Certificado médico da/o nena/o.
- Unha fotografía recente tamaño carné da/o nena/o.
Prazo de presentación:
Dez días naturais, dende o 1 ata o 10 de xuño, ambos os dous incluídos.
Lugar de presentación:
A escola.
IMPORTANTE:
Se non se presenta a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza.

lunes, 19 de mayo de 2008

Recollida de firmas

A escola colabora coa campaña de recollida de firmas levada a cabo pola "Asociación Juvenil Nuevo Drom" a favor da cadena perpetua para os pederastas, e tamén para solicitar a creación dunha lista pública de pederastas, tanto a nivel nacional coma internacional.
Podedes consultar a información na páxina web:
Se estades interesados en colaborar coa vosa firma, podedes pedir no centro a folla de firmas.

Menús da escola do 19-Maio ao 20-Xuño

Os menús para as próximas 5 semanas son:
- 19-23 de Maio: Menú 1
- 26-30 de Maio: Menú 2
- 2-6 de Xuño: Menú 3
- 9-13 de Xuño: Menú 4
- 16-20 de Xuño: Menú 5

Menús da tempada Primaveira/Verán 2008

O cociñeiro da escola, Juan Carlos, elaborou os novos menús para a tempada Primaveira/Verán de este ano. Coma os da tempada Outono/Inverno, estes menús teñen as seguintes características:
- Hai 5 menús semanais que van rotando, aínda que están suxeitos a cambios puntuais.
- En cada menú, a columna da dereita corresponde aos purés dos mais pequenos, e a columna da esquerda contén as comidas que non se trituran.
- Un menú dunha semana inclúe un guiso, un plato de pasta, un postre caseiro e un postre sorpresa. Normalmente son platos cun certo nivel de elaboración, para deixar que as cousas sinxelas (tortilla, croquetas, salchichas) as poidamos facer na casa. Tódolos platos son caseiros, elaborados na cociña da escola, excepto o iogur.
- Ademais, estes novos menús conteñen algúns platos da cociña internacional:
- Cous-cous de cordeiro
- Pabellón criollo
- Tahllin de polo con arroz basmati
Na zona esquerda do blog está o acceso a estes 5 menús. Para facilitar a consulta, cada 5 semanas poñeremos unha entrada no blog indicando os menús que corresponden a cada semana.

viernes, 16 de mayo de 2008

Proposta de Gloria: obradoiros impartidos por nais e pais

A directora da escola, Gloria, quere organizar unha serie de obradoiros contando coa colaboración dos pais e nais. Esta é a proposta que nos fai:

Nais / pais: agora vos toca

Debido ás características psicoevolutivas dos nenos, a relación familia-escola é un dos aspectos fundamentais da súa calidade e eficacia. Trátase de establecer unha comunicación e intercambio de información non só administrativa ou informativa, senón tamén enriquecedora na que todos aprendamos de todos.

Dende a escola propoñemos iniciar unha serie de obradoiros onde vos, os pais/nais, poidades ser os protagonistas. Podemos establecer dúas modalidades:

Eu son…

Neste obradoiro trátase que o pai/nai ou outro familiar interesado mostre a súa profesión ou oficio aos nenos e nenas.

Eu sei...

Todas as persoas temos algo que mostrar: unha habilidade especial, un saber facer determinadas cousas. En definitiva, unha experiencia que só é enriquecedora para nos e para os demais cando a compartimos

Pedimos a vosa colaboración.
Todos temos algo que ensinar.

martes, 13 de mayo de 2008

Sesión de psicomotricidade coas nais e pais

O xoves pasado, 8 de maio, tivemos na escola a sesión de psicomotricidade aberta a nais e pais, na que nos xuntamos un grupo bastante numeroso.

Silvia Caneda, a monitora de psicomotricidade que traballa a cotío cos nosos fillos e fillas, dirixiu a sesión. O que fixemos foi repetir cos nenos/as os rituais e xogos que fan normalmente nestas clases. Todos nos divertimos moito!


Cando rematamos, Silvia entregounos un documento no que explica a sistemática habitual das clases de psicomotricidade. Reproducimos aquí os momentos dunha sesión:
1º momento: RITUAL DE ENTRADA:
Quitamos os zapatos, momeamos a todos os que estamos ese día e tamén ós que non poden estar hoxe, recordamos as normas (pasalo ben e tratarnos ben, non facernos daño nin a nos mesmos nin ós demais).
2º momento: TEMPO DE EXPRESIVIDADE MOTRIZ:
Colocámonos de pe en frente do muro de bloques de espuma que imos tirar. Ó grito de "preparados, listos, xa!" empeza o xogo, tiramos o muro, salto, balanceo, carreira, etc.
Dependendo da idade dos nenos e nenas o xogo será distinto, irá evolucionando e nos debemos favorecer esa evolución sen esquecer a liberdade, proceso e autonomía de cada un dos nenos e nenas.
3º Momento: HISTORIA NARRADA:
As historias ou contos que son narradas ós nenos e nenas deben manter os dous rexistros: a subida das emocións e do medo e a volta á calma para a súa seguranza.
4º Momento: EXPRESIVIDADE GRÁFICA:
Sería o momento da expresividade a través do debuxo ou das construccións de madeira. Ata o de agora os nenos e nenas da Escola Infantil de Vite non tuveron este momento aislado ó final, o debuxo foi realizado libremente tendo habilitada unha mesa co material en todo momento.
5º Momento: RITUAL DE SAÍDA:
O ritual de saída pode ser variable en función da idade dos participantes na sesión de psicomotricidade. Pode ser unha canción antes dos tres anos; a partir dos tres anos soe consistir en contar como o pasaron. Poñernos os zapatos e despedirnos da sala ata a próxima semana.

Reunión da Anpa con Gloria

Cun pouco de retraso, a Anpa quere dar públicamente a benvida á directora da escola, Gloria, que se reincorporou ao seu posto o día 23 de abril trala súa maternidade, pola que lle damos os nosos parabéns. A Anpa xa mantivo unha reunión con Gloria a mesma semana da súa volta; resumimos aquí os temas tratados:
1. A necesitade de que exista unha comunicación fluída entre a Anpa e a Dirección, polo que Gloria nos proporcionou o enderezo electrónico da escola. Pola súa banda, a Anpa puxo a disposición da Dirección o seu blog e a súa conta de correo electrónico.
2.. Tanto a Dirección como a Anpa puxeron de manifesto as ganas de colaborar e de traballar conxuntamente en beneficio dos nenos/as, pois entendemos que debe existir una relación estreita entre as familias e a escola.
3. Gloria mostrou a súa preocupación pola pouca implicación das nais e pais nas actividades da escola. A Anpa está de acordo con esta preocupación, polo que lle ofrecemos o noso apoio para motivar e dinamizar a participación dos pais e nais.
4. A Dirección puxo o seu ordenador a disposición de calquera pai ou nai que non teña correo electrónico e que estea interesada en acceder ao blog ou comunicarse coa Anpa dende a conta de correo da escola.
5. Tamén se recalcou que as principais novas que se poñan no blog serán colocadas tamén en carteis de aviso na porta de entrada da escola, de xeito que todos os pais e nais teñan acceso á información.
6. Como punto importante, Gloria insistiu na importancia de cumprir as normas da escola para o bo desenvolvemento das actividades diarias, en concreto é fundamental a puntualidade. A anpa xa ten recollidas no blog as normas da escola e invitou a Gloria a comunicarnos calquera modificación das mesmas para actualizalas no blog.
7. A directora mostrou a súa intención de que se continuaran facendo as actividades que estaban en marcha cando chegou. Tamén se mostrou moi interesada en organizar obradoiros relacionados coa música, por exemplo, contando coa colaboración dos pais e nais que tocasen algún instrumento.
8. Ademais, comentounos que lle gustaría organizar obradoiros adicados a profesións nos que se involucrasen pais e nais que teñan a profesión elexida. Tamén lle gustaría que os avós tiveran un espazo na escola.
9. Con respecto á excursión ao Auditorio, que se tivo que cancelar dúas veces por mor do mal tempo, mostrouse favorable a organizar ésta ou outra, pero sempre que a escola conte cun seguro escolar, do que de momento carece, xa que ela non asume o risco.
10. Gloria tamén recalcou que grazas ás melloras nas instalacións e ó novo material recibido na escola, atópase moi motivada e contenta de ver como a escola mellora.
11. Uns dos puntos da nosa conversa foi a falta de persoal no centro, e a necesidade de contar con mais persoal de apoio, xa que na escola existe unha alta taxa de baixas, e cubrir temporalmente os postos resulta complexo nalgunhas ocasións.

jueves, 1 de mayo de 2008

Participación das nais e pais no obradoiro de psicomotricidade

O próximo xoves, 8 de maio, haberá unha sesión especial do obradoiro de psicomotricidade na que poderán participar as nais e os pais cos seus fillos/as.
Día
: 8 de maio
Hora: 5 da tarde
Lugar: sala de usos múltiples da escola
Requisitos: levar roupa cómoda e calcetíns porque hai que descalzarse
- Recordamos a importancia de que os nenos e nenas asistan á escola con roupa e calzado cómodos o día que teñan obradoiro de psicomotricidade, preferiblemente chandal e zapatillas de deporte.
- Tamén é importante que o calzado non teña cordóns, para facilitar a tarea de quitalos e poñelos. Os cordóns pódense sustituir por unha cinta elástica, que as hai de diferentes cores.
- Ademais, é recomendable que os calcetíns teñan suela antideslizante, para evitar que os cativos esvaren. Unha solución sinxela é botarlle ós calcetíns unhas gotas de pintura de tela.
- Houbo algúns cambios nos horarios das psicomotricidade, que resumimos a continuación para que saibades o día que que lle toca ó vosos fillos ou fillas:
- Martes: Sonia, Marta (grupos 1-2) e Aurora Costa (grupo 2-3)
- Mércores: Susana (grupo 1-2) e Aurora López (grupo 2-3)
- Xoves: María (grupo 2-3)