jueves, 21 de febrero de 2008

Novas sobre as clases de inglés

Como puidestes ler na nota que puxemos no blog o xoves 24 de xaneiro sobre a organización do obradoiro de inglés no centro, xa tiñamos elixido unha academia para impartir estas clases e estaba decidida a organización das mesmas en dúas sesións semanais de 30 minutos cada unha, ou tres sesións de 20 minutos.

A Anpa tratou de poñer en marcha este obradoiro no mes de febreiro, para o que tivo que dirixirse á Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, da que depende a Escola Infantil de Vite, a fin de expoñerlle as nosas inquedanzas e solicitar a aprobación para poñer en marcha o obradoiro de inglés. Podedes ver aquí o escrito que presentamos:

En resposta ao escrito, fomos convocados a unha xuntanza con persoal da Secretaría encargado dos temas pedagóxicos. Esta xuntanza tivo lugar o xoves 7 de febreiro en San Caetano.

Dende a Secretaría manifestaron o seu agrado polo interese mostrado polos pais e nais, destacando o importante papel que poden ter as familias cando deciden participar e implicarse na vida dos centros. Pola súa banda, son conscientes das necesidades da Escola Infantil de Vite en canto á realización de actividades no centro, e ven con bos ollos a iniciativa da Anpa, apoiada pola dirección da escola, de poñer en marcha algunha actividade.

Despois de expoñerlles as nosas inquedanzas consideraron que o taller de inglés non era a actividade máis axeitada neste momento e propuxeron elixir outra actividade que cumprise os seguintes requisitos:

- Estar dirixida a todos os nenos e nenas da escola
- Ter un papel fundamental no desenvolvemento do neno
- Ser de interese para as educadoras, de xeito que poidan participar no desenvolvemento da actividade e, ó mesmo tempo, lles sirva como aprendizaxe
- Que puntualmente poidan participar tamén as familias.

Ademais, a actividade será totalmente financiada pola Secretaría.

A actividade elixida foi un obradoiro de psicomotricidade, e decidiuse poñer todos os medios para empezar canto antes. Cando estea mais definida a programación do obradoiro poñeremos toda a información no blog.

Por outra banda, o director da academia Language-Trainer (Christian), púxose á nosa disposición por se, de tódolos xeitos, queremos organizar un grupo de inglés con nenos e nenas da escola, pero impartindo as clases na academia (situada en Casas Novas) e en horario de tarde. Se estades interesados enviade unha mensaxe á conta da Anpa (anpa.vite@gmail.com) e veremos de organizalo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Tamén me parece moi interesante o obradoiro de psicomotricidade, pero non me parece que sexan excluíntes, ou si?, ou non hai cartos para esto?

Anónimo dijo...

Non se pode pasar de nada a todo de súpeto. É mellor polo momento empezar cunha soa actividade, e xa retomaremos o do inglés para o próximo curso.