martes, 30 de septiembre de 2008

Entrevista a Juan Carlos Ulla, cociñeiro do centro

Juan Carlos Ulla é o cociñeiro da nosa escola. Ó longo do curso pasado colaborou activamente coa Anpa poñendo á nosa disposición os menús semanais para publicalos no blog, enviándonos información sobre os pratos dos menús, organizando desinteresadamente obradoiros de cociña dirixidos tanto a nais e pais como aos cativos e, en definitiva, poñéndose sempre á nosa disposición para calquera cuestión na que nos puidese axudar.


Queremos dende aquí facer público o noso agradecemento por todo esto e esperamos seguir contando coa súa colaboración durante este novo curso.
Para que coñezades mellor a Juan Carlos, a persoa que diariamente prepara a comida que toman os vosos fillos/as, fixémoslle unha entrevista e estas son as súas interesantes respostas:
- ¿Canto tempo levas traballando na Escola Infantil de Vite?
En setembro fixo dous anos
- ¿E gústache o teu traballo de cociñeiro?
Moito, pero mais cociñar que facer de comer
- ¿Sempre traballaches de cociñeiro en escolas infantís? Fálanos un pouco da túa traxectoria profesional

Empecei no Restaurante Vilas de Santiago, (deso xa fai 37 anos), estiven uns anos na Rede de Paradores do Estado e alí fixen a Escola de Cociña. No ano 73 concedéronme o Primer Premio de Receitas de España. Naveguei uns anos como cociñeiro en barcos ingleses e no ano 81 empecei a traballar para o entonces INSERSO. No 82 gano por oposición a praza de Xefe de Cociña da Residencia Asistida de Oleiros e a de Primeiro Cociñeiro da Residencia das Rodas de Santiago en onde estiven 24 anos, ata que fun trasladado a Vite, tres dos últimos estiven nela de Xefe de Cociña. Nestes 24 anos collín unha corta excedencia para poder impartir un curso de cociña do INEN o ter aprobado as súas probas do Ficheiro de Expertos.
- Ademais de cociñar, ¿cales son as túas tarefas como cociñeiro da escola?

Control da despensa diaria, facer pedidos , control diario de temperaturas tanto do que se cociña como de neveira e conxelador, control da trazabilidade dos alimentos, elaboración de menús e supervisión da cociña.
- ¿Varía moito a forma de traballar dependendo de se os menús son para nenos ou para adultos?

A verdade non moito, salvando o propio duns comensais de 0 a tres anos: introdución pautada de novos alimentos, a ausencia de espiñas e osos pola súa seguridade e que todo, ou case todo, vai servido moi picadiño e os postres que en certa lóxica son mais limitados que nos adultos.
- ¿Cociñas menús para nenos con alerxias ou intolerancias?

O curso pasado tan so para dous celíacos, e catro ou cinco prohibicións puntuais. No meu destino anterior si tiña que cociñar un prolixo número de dietas, intolerancias e prohibicións propias da idade dos comensais.
- Sabemos que es celíaco ¿é difícil ser cociñeiro e celíaco?
Debería selo, incluso sería unha boa razón para non selo, por aquilo de ter que probar o que fas, e hai mas glúten do que se ve que está alí, pero iso de ser celíaco dende fai 57 anos faite estar mais concienciado con esta e outras limitacións alimentarias.
- Pola túa experiencia, ¿cales son os pratos que mais lles gustan aos nenos?

Polo xeral todo o que lles resulte mais cómodo: a pasta, sobre todo con tomate, as distintas cremas de verduras, as sopas, eso si, de pasta e os distintos fritos: as patacas, o peixe empanado, en tempura, orlí, etc. A pera, cando está no seu punto xunto co iogur son os seus postres preferidos.
- ¿Paréceche importante facer actividades cos nenos na cociña?

Mais que na cociña, de cociña. A min paréceme moi importante que os nenos teñan actividades de cociña e que coñezan o maior número de alimentos e que participen no seu proceso de elaboración. Non se pode apreciar nada que se descoñece e a comida e o acto de comer, forma parte indiscutible da súa socialización.
- ¿Qué opinas sobre a implicación das educadoras nestas tarefas?

Toda a comunidade, deberiase implicar e colaborar nun proxecto educativo
- Sabemos que es unha persoa moi activa, que sempre estás facendo cousas, cóntanos algo sobre as actividades que desenvolves fora da escola.
Estou facendo IV Ciclo universitario na USC dende fai tres anos. Ademais dirixo en Boiro a única Escola Municipal de Consumo que temos. Colaboro puntualmente (dende fai moitos anos) con algúns medios de comunicación en temas de consumo (fun Presidente do Consello Galego de Consumo e fundador da Asociación de Consumidores Galegos), participo en dous programas de radio na semana e escribo de vez en cando.
De cando en vez tamén imparto charlas, cursos de cociña ou de igualdade e teño feito demostracións de cociña para unha importantísima cadea de supermercados no lanzamento de novas sedes ou en Semana Verde.
- Para rematar, cóntanos cal é a túa especialidade.

Non sabería dicilo con total seguridade, creo que dánseme ven os currys indios, os potaxes e as salsas. Disfruto como dicía o meu mestre Benavides, facendo “si sales” que son pratiños ou postres, xurdidos da inspiración dun sobrante ou da escasede mais inmediata.

MOITAS GRAZAS POR TODO, JUAN CARLOS!

No hay comentarios: